// we don't look / like pages from a magazine / but that's all right // let's do it all imperfectly //

viernes, enero 27, 2006

Raíñas, princesas e musas


Empecei a escribir unha entrada para esta semana unhas cantas veces. Fáltame a inspiración. Se cadra pásame por ter fe nas musas. É coma cando ás veces sintes unha presencia ás costas e teste que virar comprobalo. Para mín, moitas veces, son eses seres que imaxino etéreos, axexando dende o balcón ou sentadas na cama a ollarme mentres premo as teclas coma quen toca un piano. Nunca fun quen de dar tocado o piano, pero acaricio as teclas do ordenador co agarimo dun violinista. Agás cando faltan as musas e a consecuente inspiración. Entón os dedos só dan chimpos sobre as letras, dubidan na barra espaciadora e tamborilean para pensar.

A verdade é que algo si tiña que contar. Cousas que pasan, de pouca importancia, pero o caso é seguir poñendo letras na pantalla.

Esta semana, contra toda lóxica e loitando contra a adversidade que afecta a alguén tan torpemotriz coma min, gañei aos dardos. O martes, se non recordo mal, tivemos un man a man o Stefan i eu. A batalla contra o teutón, gañador empedernido, saldouse con 2 partidas de dúas gañadas por parte da que subscribe. Seguindo a racha de raíña dos dardos, o xoves, con dous participantes máis, din gañado outras dúas, esta vez de catro. Podedes imaxinar como me invadiu a euforia, con saltiños de xúbilo incluídos. Aínda oio os aplausos e estrondos do público imaxinario… Mellor paro, que aínda hei caer do podio de cu e volver ás andadas. Esperemos que todo sexa seguir aprendendo… Sobre todo matemáticas, para que non me teñan que dicir que co 17 triple fago os 51 puntos necesarios. Que se non xa tiraba eu ao 20 doble e ao 11. Gañar, gañarei, pero parviña sigo sendo un cacho.

Houbo tamén momentos tristes e alegres ao mesmo tempo. Hoxe de madrugada marcharon tres membros do pequeno Erasmus Team que temos montado, de volta para terras nórdicas. Para despedir aos nosos tres danesiños houbo unha festa ao típico estilo estudiantil: un piso compartido cheo de diferentes nacionalidades, bebida e guitarras baixo unha nube de fume digna do Londres máis neboento. Un irlandés que se tira contra os contenedores baixando Gran Vía, a Bola, bailes e copas… ata que unha xa non puido máis e se foi deitar. Se cadra no fondo quería evitar a despedida colectiva de cando as princesas danesas e o home dinamita tiveran que ir coller as maletas e un taxi ao aeroporto. Non sei como acabaron o resto a noite. Imaxino que ben. Valla de homenaxe a foto (Martin, Cecilie, Álex, Mette e Mattias) para os ausentes… e para Mattias tamén, xa que sae, para non deixalo fóra.

As despedidas son tristes, pero logo os reencontros son emocionantes, non? Así xa me imaxino de viaxe por Europa, unhas semaniñas en Copenhague, algún día, despois da prometida Alemaña este ano, pero algún día… Supoño que o que me fastidia é que esta só é a primeira despedida dunhas cantas. Pero polo menos véxoas vir… Todos os Erasmus pasarán pola oficina e vereinos ir igual que os vin vir. É lei de vida e merece a pena, non o vou negar. Xuño será duro, pero aínda queda moito.


cause all i want to be is the minute that you hold me in
when you pretend that i'm all that you waited for
time slips to nothing and i'm better than i've ever been
i'm suspended
Suspended – Matt Nathanson

sábado, enero 21, 2006

Getting it done


Ou intentándoo.
Honrando ao venres e seguindo a tradición, ontes foi día de cañas no Baol e tapitas no Tony's para a princesa e para mín. E logo, o retorno á movida viguesa, que xa había tempo que non a ulía.
A intención era noite de venres tranquiliña, pero cando me unín á troupe europea e comezaron a ir e vir as cañas, a intención de ir steil (i.e. a por todas) fíxose evidente. Así acabamos dándolle á cacha na Bola, para variar, ata que o corpo non deu máis e a chamada da cama non se podía ignorar. E claro, hoxe, día aturdido, erguinme á hora de comer e comín á hora de merendar. Pero, eso si, pegueime unha ducha combinada con exfoliación intensa e lavado de pelo en profundidade que temblou o misterio. Relax e crema hidratante corporal. Aaaaaah.
A verdade é que xa me tardaba saír por Vigo. Co conto de ir á casa en Nadal, a Madrid en fin de ano e volta a Cervo en Reis levaba sen moverme a ritmo de funky dende o 16 de decembro, data da incrible macro-cea que aparece retratada aí enriba. Que felices todos coas bengalas, eh?
Entre pitos e flautas, unha vez máis, argalla que te argalla pola rede, aplazo a sana intención de ordear e limpar a habitación, que mañá e outro día. Pff, é que 'tou en off... ou peor, que ata parei unha berenxena en auga fervendo coa man... Non merece explicación, pero ahora teño 2 dedos queimados. Yupi. En fin.
Momento restauración pre-cea. Aló imos.
Its like everybody loves you
And everybody wants you lately
Its like everybody needs you
And everybody sees you today
Everybody wants you, Josh Kelley
Gee, baby, ain't I good to you?

jueves, enero 19, 2006

La, la, la, la life is wonderful


Dígoo así porque teño a canción pegada, pero despois do último post (vivan los anglicismos) de Pedro a frase perde o seu significado un chisco, que non ganamos pa' tortas, eh? A recuperarse pronto, pequeno Peter.

Antes de que naide me tache de narcisista por andar poñendo fotos dunha mesma en plan "me molo", quero salientar que non é máis ca un método para que os que se queixan de que logo non me recoñecen por cambiar tanto de pelo (o pelo é o mesmo, pero tinte por aquí, corte por acolá vai cambiando) estean ao día. Rojo e flequillo son os datos que hai que gardar.

Como se anunciaba, houbo cañas o venres. Pa' non variar, que non é bon. Por haber, houbo cañas tamén o sábado, o luns, o martes... Xa perdo a conta. É que cando me poño a currar nalgo chega unha hora na que non se pode máis e hai que quedar con seres tridimensionais... e as cañas son un clásico irresistible.
Pero houbo máis que cervexa, amigos. Por algún extraño motivo, atopo irresistible minar a miña autoestima con actividades lúdicas nas cales non só non gaño senón que perdo estrepitosamente. Sempre. Sen excepción.

A alguén se lle ocorreu ir aos bolos o sábado. A idea boa é, eu apoieina e, como xogara máis veces, incluso alberguei algunha [inútil] esperanza de non facelo mal de todo. Vale que desta vez non se me foi a bola pa' atrás (é verídico), pero tampouco tiraba eu moitos bolos. E os outros veña dar consellos e facer strikes. Que si máis forza, que si máis non sei como... Todo inútil, faltáballes rirse de min ata aos bolos.
O que non acabo de entender é como non me afaigo a perder... Debería estar máis que acostumbrada e deixar de apostar unha caña ou dúas, porque dos dardos xa debo deber como catro, e outras dúas do ping-pong (pero ahí estábamos igualados, que conste en acta, por favor). Ou practicar, pero xa frustra, eh. Aínda así, o martes xoguei aos dardos, pero sen apostar. Algo vou aprendendo. Agora fáltame aprender a tirar... ou a que o dardo dea máis ou menos onde quero que dea... non na caixa de cervexas baleiras que hai ao lado da diana.

Sen esquecer esa ansia de facer o ridículo en público, esta semana apúntome a aerobox. Primeiro mirei a ver que raio era eso, porque por aquelo de que me vén ben o horario ben sei que acabo facendo contorsionismo acuático nivel 5 sen enterarme. Na páxina pon:

AEROBOX (CARDIOBOX): Combínanse as técnicas e fundamentos do Box, Kick Boxing e Artes Marciais (Taekwondo, Kárate) proporcionando ós alumnos un adestramento intenso, simple, variado, eficaz e sobre todo divertido.

A ver. A mín os datos que me dá non me convencen de todo. Co de cardiobox (vaga aclaración) xa me asustei. Pero é que a min o de que veñan todas esas variedades de dar hostias (non ten outro nome, é que é así), encima postas en maiúscula, coma quen que quen o lea sabe de qué van, non me anima. E é intenso, seica. Pero simple. Me río. Tamén me dixeran que o aeróbic era faciliño e divertido e rinme eu dos 27€ que perdín cando desistín de intentar saber cal é a esquerda e cal é a dereita á primeira, que te perdes un paso e vai aló a clase.
En resume, que é eficaz, non sei para que, pero polo que me contan vén sendo saltar abrindo e pechando as pernas mentras dás golpes ao aire (toma arte, marcial). Pero martes e xoves de 15:15 a 16:00... non me poido resistir. Que algo hai que facer. Xa vou a GAP (glúteos, abdomen y piernas... sin comentarios) os luns e mércores e mólame moito, a pesar das maniotas. Comeza a operación bikini, non o podemos negar.

Para completar os bos propósitos de ano novo, veño de facer a preinscrición para un curso de alemán. Doich para os entendidos. Vaime doer soltar os 150€ que costa así de golpe, pero é que xa me estou vendo lendo a Süskind en versión orixinal.

En fin, compañeiros, que mañá xa é venres outra vez. E ao mellor mañá xa non ule o piso á festa do queixo que fixo o Landry ontes. E seguro que algo imos tomar. Unha polo Pedro, con aceituna e todo en plan homenaxe.

jueves, enero 12, 2006

Xa ule a venres...


Poida que a vós non, pero a mín xa me arrecende a caña... Non é que non fora de cañas esta semana, a verdade, pero as do venres son diferentes... Son tradición case sagrada, teñen ese toque de libertade, de fin de semana, de anticipación e ruptura da monotonía. Que é diferente a tradición de facer sempre o mesmo e a monotonía de facer sempre o mesmo, que quede claro.

O que vai de semana pasou sen pena nin gloria, aínda que con bastante traballo. Nesta adicción polo material de papelería que me corrompe caín na tentación dunha axenda moleskine, na cal por suposto xa anotei todos os cumpleanos que lembraba. E cabe salientar que nos puxeron dobre ventá no piso... Non lles era sen tempo tampouco.

A pesar da falta de novidades (sen contar o corte de pelo), quería deixar algo por aquí así que vos poño unhas liñas que escribín hai uns meses... Un ralle de paseo solitario por Vigo, mp3 en ristre, que se tornou en intento pseudo-poético. Algo hai que facer. Chámase "Café con leite".


Hoxe síntome infantil e vulnerable,
abraiada por escintilantes luces de cores e faros halóxenos,
observada na miña soidade observadora,
analizando as pozas nas que se intenta reflectir a lúa;
o asfalto húmido impregnado dos faros dos automóbiles,
as baldosas de pedra, múas baixo os meus pés.

Hoxe ollo expectante as esculturas que vixían a cidade
(que baixe unha collerme),
hoxe espreito aos manequíns
(que saia un collerme a man),
hoxe pido que me fale un estraño e que me toque un amigo,
hoxe quero convidarte a un café
e quero que o seu vapor nos empañe os ollos.
Quero que me falten as palabras e me sobren os abrazos
e escachar coma a louza,
arroupada pola túa pel.

Hoxe quero deixar de mirarme os pés ao camiñar,
absorta en mín e na noite en soidade,
erguer os ollos ás estrelas e ver de novo as escintilantes luces de cores.

lunes, enero 09, 2006

La vuelta al cole

Aínda que a miña ausencia vacacional ao traballo foi escasa, hoxe notouse a "volta ao cole". A xente non debe ter casa ou máis que facer que vir á oficina. Dirán, "boh, xa que 'tou por aquí, vou preguntar algunha gilipollez á ORI a ver qué me contan". E a que hora van? Á do café, claro. Pero xusto, xusto cando vas marchar ao café, nin antes nin despois. Ergues o cú da silla e entran catro pola porta. Sorrís, dis "dime", toda amable, e cando empezan a preguntar como se cubre o papel da declaración xurada para a bolsa da xunta soa o teléfono e é alguén que che pregunta como se cubre o papel da declaración xurada para a bolsa da xunta. Está claro que mandalo por e-mail xunto cunha explicación de como se cubre non vale de nada. A xente non le as instrucións. É unha verdade tan universal como que a naide lle queda ben un gorro de piscina.

Para colmo do estrés que me acompañou hoxe, os do correo decidiron vir, despois de ausentarse dous ou tres días (seguramente debido a que o acceso do rectorado agora mesmo é unha congostra que nin o peor camiño de Riotorto, e que me perdoen os de Riotorto).
Por suposto, a montaña de correo era inmensa. Empezo a abrir, a facer montonciños (o meu sempre acaba sendo o máis grande, empeza a desesperarme) e cando está todo estrado pola mesa, sen orde aparente, vén alguén que, cómo non, ten que sacar outros cen papeles da súa carpeta e poñelos sobre os meus montóns. E non lle vas dicir "mira, que non o parece pero esto tenche un orden".

En días como hoxe, cando dan as dúas salgo coma un foguete. Ben deito que só traballo 5 horiñas. Aínda que todo melloraría se alguén se presentara para cubrir o outro posto de bolseiro (que esa é outra, levo ano e pico currando mil e sen cotizar, qué ben vai España, si señor). Pero ninguén se presentou para a bolsa e a cousa non parece avanzar... En fin, que cando chegue a remesa de Erasmus do 2º cuadrimestre vamos flipar. Ata entón, penso ZEN.

jueves, enero 05, 2006

Automobilismo en Vigo... Brum-brum-ñeeeeeee


(Si tuvera este coche si que non tiña problemas...)

Por algún estraño motivo a xente quere ter coche. Eu comprendo a necesidade en certos casos e agradezo o préstamo materno do Puntito nas ocasións sinaladas nas que o servizo de autobuses ao CUVI se reduce ata case desaparecer, pero de aí a empeñarse en moverse pola cidade en coche, hai un bo treito. E é que parece que os vigueses andan a sacar 2 coches cada un nestas datas (coma os de san ciprián no vrao). Van todos en fila no coche dando voltas e voltas e voltas polas rúas buscando un sitio para aparcar... e eu son unha das pringadas que sempre ve o sitio despois.
Se cadra é que tiven un mal día e era mala hora, porque outros días dou aparcado o coche nunha zona sen ORA en cinco minutiños e abondo preto da casa, pero ontes todo saía mal... Xa digo que puido ser o momento. Normalmente chego sobre as 2:30, pero ontes tiven que ir buscar a un colega ao aeroporto e cheguei ás 4 e algo. Bueno, a do aeroporto é outra. Teño un fallo neuronal, creo, porque aló iba eu baixando toda feliz do CUVI cando vexo un sinal no que se indica "aeroporto" á dereita e, a pesar de saber por onde se vai pola autopista, vou e viro, así de repente, en plan "ai, a ver!", se me descuido sobre dúas rodas polo repentino da decisión. E, claro, era un desvío monte a través para a carretera do aeroporto, a que pasa por canto pueblo teñen Mos e Vigo xuntos.
Este desvío non fixo que chegara tarde, de todos xeitos, así que recollín ao compañeiro e baixamos. Despois de dúas voltas arredor das rúas de por riba da Praza Elíptica, deixeille marchar para seguir á procura do aparcamento eu soa.
Media puta hora dando voltas para acabar no curuto do castro. Eso si, claro, ao baixar andando, cabreadísima, 5 sitios libres cerca da casa. Aínda que o mellor momento foi ver a unha tía esforzándose para meter un R19 nun sitio no que cabería un smart xustiño. Por intentalo non foi, dígocho eu. Tamén houbo algún afortunado (sempre o de diante) que atopou un sitio incrible mentres o puntito morría de medo e frío no Castro... E o peor é que logo hai que ir por el. Pero diso xa non me queixo porque me levaron.
Mira, agora xa tanto me dá, porque marcho para a casa despois de comer e o bon do puntito ha quedar alí ata o vrao, o máis seguro. E no vrao sitio para aparcar hai, iso si. O luns é a volta ao VITRASA, logo... e para os que me abandoaron na oficina será a volta ao traballo. Non me dan unha pena, que aquí estou pringando eu soa, co teléfono soando non-stop e xente facendo cola xusto cando vou ao café (non teñen casa? ou algo que facer?)... Que estrés... vou pillar un bombón*. E facer algo.
____________________________
*¿Son a única pringada que cumple a norma non escrita de non empezar o piso de abaixo ata que non se acabe o primeiro? ¿¿Quen carallo estivo arrapiñando no piso de abaixo?? E o que é máis importante... ¿por que a mín non me deixaban empezar os nestlé ata que se acabasen os ferrero roché e alguén pilla os de abaixo?

martes, enero 03, 2006

Ofrendas adquiridas (crochet! que diría o outro)


Hoxe batín récords. Despois de que as linguas viperinas auguraran que non sería capaz de mercar os regalos de reis a tempo, compráceme comunicar que se equivocaban. Escurrinme entre o xentío que invade as rúas (non son a única que non comprara os regalos aínda, parece), sorteei familias e carriños de bebé polos alfombrados corredores do Corte Inglés, evitei as promocións de perfumes e merquei agasallos para case todos. E todo iso en menos de dúas horas. Xa me sinto coma nun podio...

Iso sí, o abastecemento do Corte Inglés xogoume unha mala pasada, despois de ir ata a 5ª pranta, baixar e ir ao de informática, volver para o edificio principal e ir á 4ª, a amable señorita informoume de que o que eu buscaba estaba esgotado. Mañá probarei sorte noutra grande superficie, e se non buscarei unha alternativa, aínda que seguro que iso me quita puntos. Caghinaaaa.

Polo demais, este shopping frenzy impediu que puxese orde ao cortello no que parece que vivo... Co ordeadiña que son normalmente, parece mentira que estea creando semellante torre de roupa (trasladada de cama a silla dependendo da necesidade de utilizar cada peza de mobiliario) e de papeis e outros elementos de escritorio. É o que ten dicir que vou reorganizar, que primeiro teño que crear o caos e poñerme nerviosa para facelo de verdade. A ver si así me dá abondo vergoña e me poño.

Sen máis, meus pequenos, vou seguir as tradicións, que son sagradas, e ir tomar unhas ricas cañas ao benquerido Baol. Ai, xa me ule a cacahuete.

Por certo, se queríades mercar un señor Potato Darth Vader, que saibades que están esgotados. No quepo en mí de asombro.

domingo, enero 01, 2006

Feliz 2006!

Xa chegou o 2006... e eu case nin me entero. Este ano a cousa foi algo estraña ao cambiar as tradicións. Como foi habitual todo Decembro, estiven enferma. É darme un día libre e vir a tos, a febre e outros síntomas catarriles varios. Así que os festexos de aninovo se viron abondo reducidos. Non obstante, estivo ben a celebración dende a capital e xa está aquí o novo ano, o cal vou comezar ordeando a habitación (siiii!!!!) unha vez de volta en Vigo e tras un atraso do avión (Iberia te quiero) de dúas horas. Nova teoría de como perderlle o medo aos avións: estar cagándote na compañía en cuestión e durmir toda iracunda.
Así que nada máis, que me enrollo e non faigo nada!
Feliz ano novo!